A institución Padre Rubinos celebra o seu centenario
O presidente da Deputación de A Coruña, Valentín González Fermoso visitou a entidade e salientou "o gran labor social" que desenvolve.

A Real Institución Benéfico Social Padre Rubinos cumple cen anos. Por este motivo o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou a sede da devandita entidade en A Coruña onde comprometeu o apoio da institución provincial nos actos e actividades que se están a deseñar con motivo deste aniversario, que se conmemora no 2018.
González Formoso, acompañado do presidente da RIBS Padre Rubinos, Eduardo Aceña García, e membros da xunta directiva da entidade, visitou as diferentes instalacións coas que conta o centro e coñeceu os servizos que presta, entre os que se atopa unha escola infantil, unha residencia de maiores, centro de día, un albergue de transeúntes e un taller téxtil.
O presidente provincial salientou "o gran labor social e solidario" que se desenvolve no complexo, que considerou "un exemplo para o resto de Galicia" e ofreceu "todo o apoio" da institución provincial para o desenvolvemento de novos programas ou actividades, así como para os actos do centenario da entidade, que terá lugar no mes de abril do vindeiro ano.
"Esta institución é unha referencia no ámbito social e dende a Deputación, que tamén é unha administración históricamente moi vinculada ao mundo social, estamos abertos aos proxectos que nos propoñan, pero sempre é máis interesante coñecelos de preto que velos só a través dos papeis", afirmou González Formoso.
Pola súa banda, Eduardo Aceña agradeceu o interese mostrado polo presidente provincial na reunión que mantiveron na Deputación o pasado mes de xuño, que propiciou a visita, así como "o apoio e colaboración" das diferentes institucións públicas e privadas, entre elas a Deputación.
Formoso e Aceña percorreron as amplas instalacións do complexo, que conta cunha residencia xerontolóxica da que se benefician 148 usuarios, un centro de día que presta servizo a 40 persoas maiores e unha escola infantil con 95 cativos entre os 0 e os 3 anos de idade.
Na residencia, os maiores contan con servizos de enfermería, fisioterapia, terapia ocupacional e incluso cunha pequena unidade hospitalaria dotada con sete camas para aquelas persoas que precisen atención.