Teléfono: 986 438 020 Última actualización:  14:03:06Domingo, 20 de Octubre de 2019
Atrás

OPINIÓN

'Agadea, 25 anos ao lado das persoas con demencia'

09-10-2019

COMPARTIR
Agadea, Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Demencia Tipo Alzheimer, está feita por e para as persoas, cunha vocación de servizo ás necesidades das persoas con demencia e dos seus coidadores. E para iso é fundamental escoitar, como me escoitaron a min  cando sufrín a increíble dureza da enfermidade coa miña nai. 
Algo do que nos sentimos especialmente orgullosos, é que durante este tempo fumos incorporando novos servizos e buscando a profesionalización e a especialización, porque sabemos que ese é o camiño para satisfacer o compromiso adquirido. 

Partindo desta escoita e o apoio dos nosos socios, pero tamén da sociedade, de outras asociacións, institucións e organismos públicos e privados e de diferentes personalidades expertas do ámbito sanitario e social, fomos tecendo durante todos estes anos unha rede de servizos, programas e actividades imposibles de enumerar e que tratan e trataron de dar cabida a esas necesidades que fomos percibindo: entre elas, por exemplo, temos os talleres de estimulación cognitiva.

Talleres que iniciamos modestamente en Vite no ano 2005, en Fontiñas ou en Ribeira, e que hoxe desenrolamos e mantemos coa inestimable colaboración dos Concellos de Santiago, en Ribeira, Vedra, Teo, A Estrada e en Boiro.
Gracias á confianza institucional e á experiencia acadada, fomos dando pasos importantes dentro da asociación, como a consecución da xestión do centro público de Alzheimer e outras demencias de Ribeira, a creación do espazo para a memoria do Ensanche ou a recente posta en marcha do centro de día de A Estrada.

Este ano tamén abriremos un novo servizo de Agadea que consiste na creación dun Centro de día en Compostela. Un centro que terá capacidade para 26 persoas e que pretende ser un servizo personalizado e moi cercano.
Así, Agadea podería acompañar a unha persoa afectada de demencia desde a detección precoz da patoloxía, ata as fases máis avanzadas, adecuando o recurso terapéutico máis apropiado, segundo a evolución da enfermidade, favorecendo, desta forma, que a persoa se manteña na súa casa e ambiente habitual, tratando de retrasar na medida do posible a institucionalización precoz en residencia e o avance da sintomatoloxía.

Deste xeito favoreceríamos un seguimento e unha transición e adaptación máis doada entre os diferentes recursos que pode aportar a asociación á persoa afectada e á súa familia ao compartir a mesma filosofía de intervención entre os diferentes recursos posibles; así como, profesionais xa coñecidos por estes en anteriores fases.
As asociacións xorden como resposta a unha necesidade, e desde a honestidade, solidariedade, compromiso social e dignidade da persoa, temos que seguir dando beneficio a nosa sociedade. Mirar de fronte aos novos retos que xa se atopan entre nós e tratar de tomar medidas consensuadas entre os diferentes sectores sociais e sanitarios.


Tlfno: 986 438 020 | contacto | aviso legal